Esta fin de semana transcorrerán na Pobra os últimos actos que se encadran na programación do 2.° Ciclo Victoriano García Martí.
Así, neste venres 27 clausurarase esta edición coa conferencia Ideología y activismo en Victoriano García Martí. Una voz quebrada, da man de Arantxa Fuentes Ríos, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de coa presentación da edición facsimilar Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917). Ámbolos actos serán no Elma, ás 20.00 horas.
As persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981831662, de martes a sábado, en horario de 10.00 a 15.00 horas.
Por outra banda, a terceira convocatoria das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo transcorrerá na tarde do sábado 28 e na mañá do domingo 29 para divulga-la historia, cultura e patrimonio do municipio.
O sábado 28 estará dedicado ás conferencias, con catro en total. A tarde arrancará coa inauguración desta convocatoria para dar paso ao primeiro dos coloquios da man de Manuel Gago, xornalista e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), con Mitos e lendas da Pobra do Caramiñal. Deseguido, será a quenda de A igrexa de Santa Cruz de Lesón: 15 séculos de historia, a cargo de Antonio González, director do Museo Valle-Inclán.
Posteriormente, e tras un descanso, o historiador Anselmo López impartirá o relatorio Conflitos de poder na Baixa Idade Media no Caramiñal. A seguir, Rafael García, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), ofrecerá a conferencia Xullo de 1936 na Pobra do Caramiñal.
Os relatorios comezarán ás 16.30 horas no Elma e concluirán ás 19.50 horas. Será nesta ocasión cando se reparta como agasallo entre as persoas asistentes o póster As lendas do río das Pedras, do ilustrador Miguel Robledo.
Ademais, inclúese unha visita, no domingo 29, a partir das 10.00 horas, á igrexa de Santa Cruz de Lesón, ao cruceiro de San Amaro, á Aldea Vella, ao mosteiro de San Xoán da Misarela e á barca de San Amaro. Os guías serán Manuel Gago, no relacionado coas lendas e mitos, e Antonio González, no que respecta á igrexa. A duración será de ao redor de 2 horas.
As reservas para estas xornadas xa están completas, se ben as persoas interesadas poden segui-las charlas do sábado 28 pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal e o vídeo quedará gardado para quen desexe visionalo posteriormente.
Tódalas actividades terán lugar seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.